xa me río moi pouco.
non sei discernir
e os pensamentos escorren polo lombo
e rabuñan no peito.
quedou algo escrito
de onte
e o tempo consúmese ao carón
da parede na que aínda continúa
a sombra
do que xa non será.
ninguén timbra na porta.
non hai unha aperta.
non medran recordos entre o branco
dos teus peitos.
non se agarda máis nada
na nada.
ás veces as palabras
pronúncianse de dúas formas
e son lindas.
pero o lindo queda atrás.
cinco coiteladas na alma
e no futuro.
nos meus soños teño visto
aneis de herba nos dedos da nostalxia
e fun feliz.