estudo xa de máis
paro
subir á árbore no lado esquerdo
a mala hostia
con catro cousas máis e todos
os imbéciles
que pensan que sairán adiante
que saben o que teñen que dar
a un entrevistador
móstranse confiados
e non choran
ou choran co que teñen que chorar
e as mulleres
eses todos
falan das mulleres cando se xuntan
pero ningún tocou o fondo dunha muller
nin dun home
e pensan que chegaron a entendelo
mais non
non chegaron
e paro o estudo e rubo por unha árbore
chego até o mar de póla en póla
e se hai que ser home
serei simio
o mesmo que non levo calculadora
e o éxito profesional
non é éxito
caer e tirar apuntamentos
cheos de gráficas
ou cheos de mortos do saber específico
e todos queren ser grandes escritores
grandes tiradas
recitais
falar e orar e agora si agora non
e din
que o importante podería ser
ser boa persoa
trazaron unha liña
e pódese ficar nun lado ou noutro
pero non noutra liña
e non estou nesa liña
estou nunha puta árbore
indo de póla en póla
até o mar
chego ao mar
chego e tócoo
toco o mar co bico dos dedos
e digo
por min