Arrepentirme podería ser algún tipo de arte



busca...




Unha entrada longa e doce antes de me despedir

20081204201043-despedida.jpg

Unha entrada longa e doce e que pode chegar a ser o seu neste momento desta tarde na que ninguén me viu a saudar...

 

(Gordo berrando dende á rúa á xanela do meu cuarto)

-Samuuu... Que, meu? A que andas?

-Nada, tío. Aquí. Fasendo entradas cada dous por tres polo sinxelo praser de tirar o tempo.

-E que bebes?

-Pois unha Mahou Clásica. Non penses que me presta moitísimo.

 

E así vai pasando o tempo. Un vai pasando o tempo nestas e noutras perdas de tempo -tautoloxía impropia deste tempo.

Mañá, é certo, marchamos a Coimbra, e teño os peores planos para esta viaxe. Teño os peores planos e non quero estar preto de ningún toxiño. Agardo ser detido, levado a unha especie de comisaría na cal me poña tolo por non ter o meu cacharriño para as lentes de contacto. As miñas amantes saben que me raio moito coas lentes de contacto. Teño cero tacto para levar o tema das miñas lentes de contacto.

Foxtrot.

O meu aniversario (o luns) será, por primeira vez, fóra do país. E tamén fóra do estado. E da consciencia, agardo. Que ninguén me felicite vía móbil -se alguén o tiña pensado- por iso das tarifoideas e os roubos do señor Vodafone.

Como sempre que un ten aniversario de algo -este é do parto- ten de se pór a revisar o pasado. Agora estou nunha época de stop. Seino. Xa virán épocas mellores. Teño confianza, aínda que ás veces o medo e o vento frío fagan das súas. Separar o corpo da mente.

E un mira atrás, mira o presente e ve como a xente o vai deixando de lado. A un lado. O típico, non lle serves/sirves a ninguén. No Cal Pita (paso a metade do meu tempo esperto nun autobús, normal que me dea por grandes reflexións alí metido) dinme conta de que me teño atopado con moi moi boa xente e que a teño fodido moi moi grandiosamente con esta.

Téñolle feito dano a moita xente. E á que non lle teño feito dano... Será porque aínda non me deu na volta. O vento vén. O vento vai.

24 anos vou facer... Manda truco! E xa me din conta de que nada vai mudar as cousas. A xente que cre na política é como a xente que cre en deus. Xa me teño dado conta de que a xente é o peor e que as persoas son o único que nos poderá salvar. Teño escrito xa mil tonterías. Teño dito cin-cuen-ta-mi-llóns de parvadas ao día e disparado 200 palabras por minuto. Como se un AK-47 bucal/oral me guiase. E só van quedando as apertas e algún -poucos- bicos.

A vida vai pedindo papas e a Mahou Clásica vai pedindo papas. A vida é menos que unha Mahou Clásica. Gusto da caña de Estrella. Algún día marcharei da Península e será entón, e só entón, cando estea por fin comigo mesmo. E cando, na aduana dalgunha ex-república capitalista/maoísta me deteñan por ir cos petos cheos de balas, sinalarei a cada unha das miñas pupilas e falareilles do Illa de Sumatra, dos Kenodí?!, do banco de Pepita, de Montelouro, da casa de miña tía, do meu cuarto en Muíño do Vento, da Churra, da parte de atrás do Xeixo, de San Francisco, dos parques de Oleiros, da estación de buses, da facultade de Filoloxía, do Avante, do piso de Romero Donallo, de Villarrobledo, dos Castromiles, do meu cuarto de Oleiros, de Riazor, do campo do Campestre, da cando vivía na Rúa Real de Muros, da Capitol, do Curro da Praza, dos Süiss, do ska, do sexo, do chocolate con leite, dos amigos, da familia, da música toda en todo momento, de Bukowski, de Reixa, dun loitador que se chamaba Sputnik Monroe, das mulleres que deixan cicatriz, de Panero, de Hakim Bey, de Calamaro, do Neira Vilas, do campo de canastra no Rabadeira, da SNES, do Raeiros, do vodka, da cervexa, do viño tinto, do sofá con Lema, das comidas con Hora 14 de fondo, da derrota, das chamadas, dos soños repetidos, das raiadas, dos emepetreses, da resaca, dos magostos da miña facultade, de todo o que non pasou, de todas as veces que fun ao médico, de como me odia a xente, de como me quixo a xente que me quixo, das filloas de Ramona de Luísa de Noia, de París encachoado, da miña irmá, da praia de Boiro, de como doe a morte, de como doe a vida e o amor, do portugués que me berraba ao conducir, de unha e cada unha das veces que nos bañamos en bólas, do corsita de Pena, dos maratóns de Fe, de como me aceptou a xente tal e como era, de que non se pode estar canso estando vivo e que cada momento había que vivilo, de que se permitía que se me escapase un único día, non podería recuperalo.

Non vou perder.

A esperanza témola todos e cada un no fondo dos ollos e se sorrimos é porque estamos xuntos.

Non imos perder.

A velocidade do son. O movemento. Dende o cumio do ceo até o bico dos nosos pés.

Non imos perder.

Seguimos con nós mesmos.

O corazón manda.

Nós obedecemos.

04/12/2008 20:10 Autor: Pira. Enlace permanente. Tema: Tontadas.

Comentarios » Ir a formulario


Autor: Diego

Grandioso!!

Fecha: 05/12/2008 18:57.


gravatar.com
Autor: Txa

Felicidades, señor Samo.

Y que cumplas muchos más!

Fecha: 08/12/2008 13:27.



Autor: Nune

Eres un artista machinho...

Boisimo.

Fecha: 09/12/2008 00:46.


Añadir un comentario




No será mostrado.






Archivos

Temas

Enlaces


Blog creado con Blogia. Derechos de autor con . Estadísticas. Suscribir RSS. Admin.
Blogia apoya: Fundación Josep Carreras; Emprendedor ven a Iniciador Aragón.