![]() Arrepentirme podería ser algún tipo de arte |
||
|
busca... |
Entrada de mércores á noiteTodo o mundo está a marchar da vila e de nós. Ás veces a vida é perfecta como as caras en televisión. Despois dunha tarde mergullado (submarine gun) en textos sobre literaturas africanas en lingua portuguesa, subo a un urbano cheo de erasmuses e, como predixo Joaquín, tiven que facer cola para subir a un urbano diante da miña facultade (algo inaudito se non estamos na festa do magosto). Como ía coa música a todo trapo para non ter que interpretar os seus diversos e simpáticos acentos, parece ser que se escoitaba a música máis alá do meu cráneo. Ao parecer, un grupo de franceses (francesas) viuse un pouco interesado polos sons trompetís que chegaban até eles e déronme un toque no cóbado (cóbado), quitei os cascos e oín que me preguntaban: -Pegdona, ¿qué escuchás? -Betagarri. -¿Comó? -Betagarri, é un grupo vasco de ska... -¡Ska! Nos gusta el ska... ¿Puedes pasagnos música de ska? E nada. Unha, a máis baixiña, sacou un portátil e metín o meu emepetresiño e, tras pasar os percances do antivirus, puiden meterlle un par de temas de Betagarri e algo de Skárnio. E todo no urbano. Dixéronme como se chamaban, mais xa non lembro que me dixeron, porque só me dediquei a intentar sorrir. Pola mañá pasei por un exame de historia da lingua para dar sinais de imbecilidade, humor de todo a cen e de ter os ollos case sen bágoas xa. O verso teño setenta para setentembro cobra sentido. Descentrado, como descolocado. Fóra de lugar. Ao final do día podo (poido) rematar en calquera sitio. Pedín o lectorado (leitorado) de español (hespañol) para Brasilia e non mo van dar. E se mo dan, algo pasará para que non vaia. De feito, xuraría que estou agardando que pase algo para que non vaia. Así son. O son do son. Hoxe no bus, con todos os pensamentos que teño estes días e todo o que lembro, pensei que debería haber un ceo para todos. É dicir, inclusive para os que se supón que son malos a ollos de case todos, como os xenocidas. Un ceo para os xenocidas, onde se pasen a eternidade dicíndolle a persoas que acoitelen almofadas e colchóns. E pensei, hostia, pensei que haberá un ceo a onde irei con toda a xente que coñezo e coñecín. E imaxinei sentado con todos vós (todo isto nun Cal Pita, claro) nunha mesa de madeira redonda enorme. Estaríamos todos aí. Supoño que, ao comezo, habería algún pequeno silencio, que rompería Pablo ou Félix. Mais, non sei, supoño que se é o ceo e todo ten que estar ben, o silencio só o podería romper Paula: -E que lo? Que vos contades? Hoxe no bus, tamén no bus, pensei que teño que mudar a imaxe que teño de fondo no móbil (grandes problemas da modernidade) e intentei tirar algunha foto ao meu entorno, mais ningunha cumpriu as espectativas. Estes días de messenger están ben. Falando con Marina, con Marina de Granada (Graná Capitá), Lu, Luis... A Luis tíñalle no móbil posto Luis Pragmática, mais o día que quedei con el para tomar un café, mentres o agardaba, mudeino a Luis Culleredo. Despois non apareceu, mais non importa. Luis arrasa. Como vos ten a xente no móbil posto? A miña avoa chámame Samooo... E hai xente que me chama Sa. Licencia total. Apareceu Juan. Juan é o buseiro por definición da liña Montrove-Oleiros. Regaloume/nos unha botella de licor café e fala sempre dunha tipa de Muros que é unha ninfómana. Había tempo que non o vía e pensei que o despediran (Juan é un bo peixe). Mais o tema foi que o operaron dunha variz. Despois, á altura de Perillo, un coche chocou contra o noso bus. Juan cambiou os papeis do seguro e só chegamos uns cinco minutos tarde. Juan é boa xente: -¡Bua, Samu, tenemos que salir a montarla! ¿Qué tal la italiana? -Pois tamén preocupada, que non sabíamos de ti, meu. A semana pasada, voltando de Compostela, mirei as nubes e entendín parte da esencia e de como o tempo non volve. Meu avó, hai xa uns anos, díxome coa mirada desorientada e firme: -O tempo pasa moi rápido, Samuel. O tempo pasa e parese mentira... Pero pasa a vida nun momento. Meu avó tenme dito esas cousas que poñen a un no seu sitio. Meu avó entrou en Sidney manexando un petroleiro. Estes días lembro todas as súas historias. Rotterdam. O Golfo Pérsico. Noruega! Meu avó faloume de estar lonxe e da felicidade pequena. Non quero botarte de menos, París. Sei como es, sei que mentres abuela se mete contigo e ti comes, miras para min ríndote. Coñezo todos os comentarios que fas sobre os partidos de fútbol. E que esta xente quei jana cartos, che! Que explicas todo cos dedos... Porque se algo ten esa forma, debúxalo no aire cos dedos, sinálasnos na mesa co índice e debúxalo no aire... E vémolo. En serio, teño grabado a lume o teu arrecendo a sal cando aínda navegabas no Norte en Muros e te pasabas por casa a saudar antes de subir a Muíño do Vento. E viñas cun gorriño... Es mariñeiro, París... E, non obstante, a última vez que estabamos hospital ti mais eu, estabas desexoso de saír de aí e que, fose o que fose que che pasese, puideses pintar. Gústache pintar, París. E todos che chaman se teñen que pintar a casa. Si, París. E sei o punto exacto da cociña no que te apoias e cruzas os brazos para escoitar o que se fala. E sei como saltas nas conversas. E agora... Meu, non sabes como se che bota de menos... Non tes nin idea... Só de pensarche aí... Non sigo. Comentarios » Ir a formulario |
Archivos
TemasEnlaces
|