Correndo. Correndo. Correndo. Correndo. Marchou correndo. Fixo un ruído moi parecido ao das tartarugas que caen a rolos polas costas. Correndo. Correndo. Como se fose o último que ía facer na súa vida e sen se amputar nin un só ollo, marchou correndo. Correndo.
Deixou os apuntamentos debaixo da mesa de traballo e marchou correndo. Escribiu tres ou nove brincadeiras cun xiz azul baixo os pés para correr máis rápido.
Non avisou nin ás inimigas máis afastadas (lonxe é algo relativo, pois se estás exactamente onde fica lonxe estás realmente preto dese lugar, claramente). A súa nai petou nas portas preguntando por ela, mais marchara correndo e a xente só lle indicaba que Muros ten xa menos gaivotas a estas alturas da partida.
O mundo toleara. Igual marchara debido a iso.
Alén disto, escribira cun xiz azul tres ou nove brincadeiras baixo os pés. As mulleres bulen.