Arrepentirme podería ser algún tipo de arte



busca...




Discurso graduación da promoción 2005-2009 de Filoloxía Galega da UDC

20090713124206-graduacion.jpg

Boa tarde.

Amigos, familiares, profesores e compañeiros, somos a promoción 2005-2009 de Filoloxía Galega. Si, somos poucos, abonda con botar unha ollada á nosa orla, mais foi moi diferente a forma de pasar pola carreira dos seis alumnos que hoxe nos graduamos. Desde aquelas que acudían ás aulas cunha devoción mesmo fervorosa, pasando polos que fomos loitando coa procrastinación, até os que focaron os seus esforzos na defensa das causas que consideraban xustas, sen esquecer aos compañeiros que foron caendo polo camiño… E a Farruco, que finalmente non se puido licenciar.

Alén disto, fomos, somos e seremos un grupo fortemente unido, un grupo en movemento e que non permanece alleo ao contexto cultural e social no que se encontra inmerso. Así, vimos nacer a aula Manuel María ou a sala Ricardo Carvalho Calero, demostrando recoñecer de quen somos debedores, mentres hai quen nunha errada reacción infantil se empeña en reclamar aulas para outros personaxes baixo o lema de Teruel existe... Aínda que nós seguimos sen o atopar no mapa do país. En fin, supoñemos que o día que caian na conta de que Vigo tamén existe igual comezan a reclamar a aula Gloria Lago.

O futuro parece escuro. Espectáculos lamentábeis, ridículos e ferintes como a derrogación do decreto do galego e o crecente odio ao noso idioma fan prever un camiño cheo de dificultades para nós como licenciados en Filoloxía Galega.  Mais que non se leven a engano, o desalento e o desánimo non figuran no noso vocabulario. Temos unha conciencia firme e sen estridencias. Temos unha identidade que compartimos e da que só fican fóra aqueles que fixeron do descoñecemento e do medo o seu xeito de vivir. Temos unha lingua e non temos medo a usala.

Non podemos deixar de agradecer fondamente a todas aquelas persoas que colaboraron na nosa formación ao longo destes anos, desde o primeiro até o último, sen excepcións. Tivemos a sorte de contar cun profesorado de mulleres e homes fortemente motivado, dialogante e moi interesado na nosa formación como profesionais da lingua e da nosa cultura. Como é lóxico e de agardar en calquera grupo social, houbo encontros e desencontros, sendo estes os menos, mais, sen dúbida, todos gardaremos un bo recordo desta etapa das nosas vidas. E, desde logo, cando nos pregunten oes, como é facer filoloxía galega na Coruña? Verémonos na obriga de responder como o faría un dos nosos profesores: apaixonante.

Tampouco queremos esquecer a todo o persoal da facultade sen o cal esta pequena familia non funcionaría e, tampouco, aos nosos compañeiros das outras filoloxías cos que, nun maior ou menor grao, mantivemos unha boa relación e unha convivencia axeitada. Chega con lembrar algunha das aulas das materias optativas que compartimos os tres grupos… Ou como baixabamos nos autobuses urbanos cada vez que celebrabamos un dos sucesosos magostos de filoloxía.

Unha especial mención, xa para ir rematando cos agradecementos, ás nosas familias, por nos apoiar ao longo deste tempo e encaixar ese golpe que supón o feito de escoitar: mamá, papá, vou estudar filoloxía. Tamén lembrar desde aquí aos nosos amigos, parellas, amantes de todo tipo e condición, por aturar que sempre houbese alguén disposto a lles correxir algunha colocación do pronome ou a lles recomendar un poemario de literatura caboverdiana e, por suposto, polo seu ánimo nos momento máis difíceis.

Nada máis pola nosa parte, só dicir que foi un pracer formarmos parte desta estraña familia e que por moito que o intenten, que saiban continuaremos a falar galego porque si, porque nos gosta, porque nos peta e queremos e nos dá a gaña.

Saúde!

13/07/2009 12:42 Autor: Pira. Enlace permanente. Tema: Esbardalle.

Comentarios » Ir a formulario


Autor: LuiSinHo

Este si que foi o mellor discurso!

Fecha: 16/07/2009 00:51.


Añadir un comentario




No será mostrado.






Archivos

Temas

Enlaces


Blog creado con Blogia. Derechos de autor con . Estadísticas. Suscribir RSS. Admin.
Blogia apoya: Fundación Josep Carreras; Emprendedor ven a Iniciador Aragón.