Arrepentirme podería ser algún tipo de arte



busca...




A idea é, máis ou menos, esta

20090812221042-biblioteca.jpg

Acababa de pasar unha ambulancia e todos na biblioteca agardaron a que o son se evaecese para continuar co estudo, aínda que a verdade sexa que estudar non sexa unha puta solución para nada e ao final todo se resuma en ter onde caer morto.

Ela sentarase (ao dicir ela xa vos quero ver pensando nunha muller duns vintedous anos moi ben levados, cunha pel perfecta, ollos verdes como unha xerra de cerámica e o suficientemente interesante como para desviar a mirada nunha final de Champions durante uns segundos) fronte a el cando comezara a resumir o segundo apartado do temario.

Hostias, el xa comeza a mirala e a pretender non amosar que é un dos moitos imbéciles que cren na ilusión, malia ter levado unha serie constante de fungueirazos na vida. El faise o tonto (non lle custa). Preguntarlle o nome sería un erro. Mirala directamente estando tan preto podería ser interpretado como VIOLACIÓN. Preguntarlle o nome... É dicir, preguntarlle o nome suporía:

  1. Tirar os cascos do emepetrés.
  2. Chamar a súa atención.
  3. Valorar a reacción, buscando o momento axeitado para facer pregunta.
  4. Preguntar o nome da rapaza.
  5. Entendelo, porque tanto tempo cos cascos teñen ao rapaz xordo de todo.
  6. Pensar en que facer con esa información
  7. Pór os cascos outra vez?

Non. Desde logo, non vai preguntar como se chama. Aínda que, claro, podería facelo escribindo unha pregunta nun papel que lle pasaría suavemente... Mariconada. Tremenda mariconada. Unha vez que vise o papel, miraría para el, e, cando o fixese, el emitiría un amago de sorriso que conlevaría estreitar a distancia entre ollo e ollo co cal os seus lentes se elevarían dun xeito que el sabía moi ridículo. Tiña uns lentes ridículos... Para que hostias estaba pensando en que todo iso podía ter éxito?

Pois porque o éxito non lle importaba.

Só a posibilidade de actuar.

Ela continuaba esquematizando os seus apuntamentos. Letra redondeada, como case todas as mulleres neste puto país. Entón el pensa que se todos eses condenados grafemas fosen algo máis rectilíneos... Ummm... Entón si... Entón si. Ergueríase enerxicamente, é dicir, algo rápido, tirando coa cadeira ao chan e berraríalle algunha incongruencia do tipo:

-Ti! Eu! O meu piso! Agora! A pelo!

Xa, claro... Igual pensa iso porque ela o que realmente ten é unha letra redondeada e el, coma sempre, non fai outra cousa que se agarrar a todo o que non É.

Non. A opción do papel ten que ser a mellor, for como for. Así que, collerá un folio no portafolios (o pracer da repetición léxica en bruto), escribirá coa súa mellor letra (maiúsculas) algo do tipo:

-Perdoa, poderías dicirme como te chamas?

E, despois, pasarallo, fixará a mirada na xanela (vas chegar lonxe, rapaz) e agardará unha resposta da categoría EMOCIONAL desta estratexia de sachabragas de biblioteca...

Nada. Marchou. Ela marchou.

Si.

Sempre marchan.

En fin...

Terceiro apartado do temario...

Desta tampouco sae de pobre. O éxito non importa.

12/08/2009 22:10 Autor: Pira. Enlace permanente. Tema: Pallas mentais.

Comentarios » Ir a formulario


Autor: facebook

a sara li piace questo post

Fecha: 12/08/2009 22:53.


Añadir un comentario




No será mostrado.






Archivos

Temas

Enlaces


Blog creado con Blogia. Derechos de autor con . Estadísticas. Suscribir RSS. Admin.
Blogia apoya: Fundación Josep Carreras; Emprendedor ven a Iniciador Aragón.